Reproduzco íntegramente a entrada do meu amigo Moncho Iglesias no seu caderno.

Eu non son Naji al-Ali, asasinado por caricaturista, palestino; tampouco son Ghassan Kanafani, asasinado por escritor, palestino; nin Mohammad Saba’aneh, detido por debuxante, palestino. Non son eles nin ningunha das persoas mortas, desaparecidas ou mutiladas por brandir pinceis. Non son eles porque nin debuxo nin escribo, e a miña liberdade non me permite non ter medo a falar.
Naji al-Ali morreu en 1987 e aínda hoxe en día non se sabe a quen culpar da súa execución. Ese mesmo ano, Hisham Sharabi, profesor da Universidade de Georgetown, respondía a esa pregunta. Quen son os responsables do asasinato dos palestinos que pagaron coas súas vidas a súa liberdade de conciencia: “Foi o noso silencio e o noso medo o que nos fixo aceptar sen discusión a restrición da libre discusión, permitindo que o terrorismo determinase o xeito no que se fixan as nosas diferenzas. A historia ten demostrado que cando os movementos de liberación sufocan a liberdade vólvense incapaces de cumprir coa tarefa da liberación; péchanse en si mesmos e sométense cegamente á violencia. No asasinato de Naji al-Ali hai unha lección que, se non somos quen de entender, faranos perder a capacidade de liberarnos e de determinar o noso destino.”
Handala, un neno descalzo que dá as costas ao mundo, observa o que nel pasa. Foron os seus ollos os que provocaron a ira dos réximes que querían un público cego e mudo; e eles e as súas palabras as que condenaron ao debuxante, Naji al-Ali. Un debuxante que aprendera a lección do director dunha revista, Ghassan Kanafani, que o animara a continuar cos seus debuxos. Con todo, tamén el foi inconsciente dos perigos da palabra e esqueceu que a Kanafani o habían matar en 1972.
Outro palestino, Mohammad Saba’aneh, herdou de Kanafani e al-Ali o poder dos trazos, das minas de tintas e dos berros no papel. Dende o cárcere, arrestado sen cargos que logo apareceron: debuxar nun libro asociado a Hamás, Saba’aneh reflectiu a realidade que hai despois dos barrotes. Xa fóra, segue a dar voz aos solitarios, criticando a políticos e líderes confinados nas súas burbullas, calándoos co seu pincel.

http://www.cartoonmovement.com/p/148

Anuncios